MiiPC, un ordenador baseado en Android centrado no control paterno

martes, 26 de marzo do 2013 Marcus Fernández

ZeroDesktop iniciou un proxecto en Kickstarter consistente nun pequeno ordenador baseado en Android 4.2 que pretende servir para xogar, ver vídeos, editar documentos e correr aplicacións para Android coas vantaxes de ter un prezo moi reducido (99 dólares) e estar deseñado pensando especialmente en manter un control paterno do equipo a través das distintas contas de usuarios que incluso poden xestionarse a través do móbil (para o que contará con aplicacións para iPhone e Android). Este MiiPC non só pode conectarse a un monitor para empregalo como un ordenador ordinario, senón que tamén pode utilizarse no televisor (a través de HDMI) de xeito que serviría para funcións de reprodución multimedia ou para acceder a contidos de vídeo en liña.

O control paterno do MiiPC poderá exercerse comodamente a través do smartphone

Con MiiPC os pais poden saber o tempo que os seus fillos pasan en cada páxina web ou aplicación, podendo tamén establecer distintos límites de uso, permitíndolles respirar máis tranquilos que deixando aos seus cativos diante dun ordenador ordinario.
Este ordenador compacto funcionará cun procesador Marvell Ne Armada de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante SD e USB), Wi-Fi N, Ethernet, Bluetooth 4.0, 2 portos USB 2.0, tomas para altofalantes e micrófono e saída HDMI a 1.080p/720p. Tamén poderá funcionar como receptor de Miracast (para, por exemplo, amosar no televisor contidos cargados no tablet ou no móbil) e incluirá software precargado como reprodutores multimedia e o paquete ofimático de KingSoft.
O proxecto de Kickstarter completou o seu financiamento en moi pouco tempo, e estímase que entre maio e xuño cheguen as primeiras unidades aos seus compradores, para producirse en xullo-agosto unha segunda remesa de unidades (aínda que os compradores menos rápidos terían que esperar ao mes de setembro para recibir o seu MiiPC).

O MiiPC ofrece unha experiencia de uso moi semellante á dun ordenador tradicional grazas ás posibilidades de Android 4.2

PUBLICIDADE