Mochila Aspen para protexer o portátil das inclemencias do tempo
mércores, 6 de febreiro do 2008
Logo de rompernos os cornos procurando o mellor ordenador portátil ao prezo máis competitivo do mercado para poder lucilo por tódalas cibercafeterías do contorno, un problema común abondo entre os usuarios é non ter unha funda de transporte axeitada.
Se ben é certo que mercamos un portátil para poder carretalo connosco a calquera recuncho da cidade cunha boa conexión Wi-Fi, as máis das veces o ordenador pasa a ser un mero equipo de sobremesa por non deixar o xusto para a funda e gastar o orzamento por enteiro na capacidade de memoria ou no carísimo software (que aínda é peor).
A empresa Port Designs vén de presentar unha solución que ofrece transporte, coidado e ergonomía para portátiles nun só produto: a mochila Aspen.
Esta bolsa de viaxe é a propia para aqueles aventureiros que non se conforman con levar o portátil á cafetería de en fronte e levan os seus equipos onde sexa que se atopen, ben chova, neve, vente ou non se pare co calor.
A mochila Aspen protexe ós equipos electrónicos dos golpes e das inclemencias do tempo que poden danalos de xeito irreversible, combinando o deseño “máis actual” coa “máxima funcionalidade e seguridade”.
Está fabricada en nylon e é compatible con portátiles con pantallas de ata 17 polgadas.
O compartimento para portátil está protexido co sistema Matt-System que reduce a onda de golpe exterior en caso de impacto e o Ergo Back é semi-ríxido, ventilado e ergonómico para protexer a columna vertebral e facer máis cómodo o transporte do portátil.
Asemade, a mochila Aspen inclúe a Rain Cover, un deseño exclusivo de Port Desings que axuda a protexer a mochila e o seu contido da choiva (fundamental na nosa terra) garantindo a impermeabilidade e tamén o roubo xa que vai pregada no compartimento inferior.
Como vantaxe adicional, este modelo incorpora saída para auriculares para escoitar música sen necesidade de sacar da mochila o iPod ou MP3.
O seu prezo é de 39,99 euros para ordenadores de 15,4 polgadas e de 49,99 euros para ordenadores de ata 17 polgadas.