Moonbite Games aspira a publicar Zombeer en Steam

mércores, 17 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O estudo galego de videoxogos Moonbite Games continúa a traballar no seu xogo para consolas, PC e Mac Zombeer, Zombies & Beers e para avanzar na súa futura distribución veñen de presentalo á Greenlight de Steam, sistema que permite aos usuarios da plataforma de distribución líder de videoxogos para Windows e OS X (estando en preparación o seu salto a Linux) votar por xogos independentes para promocionalos e, de conseguir unha boa aceptación, incluílos no seu catálogo en liña, sorte que xa acadaron 25 títulos nos últimos 2 meses.
Para animar aos usuarios de Steam a apoiar ao seu xogo, dende Moonbite prometen que van a incluír os nomes de quen o solicite no xogo, tanto nos títulos de crédito finais como nun ovo de Pascua.
Para facernos unha idea de como será o acabado final de Zombeer podemos ver o segundo trailer que amosa imaxes do xogo en acción, no que figuran novos inimigos, a pistola de cravos e o proceso de zombificación que caracteriza o xogo e que só pode controlarse consumindo zomBeer para evitar espertar o virus zombi do que o protagonista está infectado.


Último trailer de Zombeer, Zombies & Beer

PUBLICIDADE