Motorola presenta un móbil con grande batería e outro con stylus

venres, 7 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Motorola presentou hoxe o seu novo smartphone Moto G8 Power, que como ben deixa ver o seu nome, trátase dun dispositivo que destaca pola súa grande autonomía, aínda que tampouco esquece contar cunha cámara cuádrupla e unha versión moi limpa de Android 10 (algo que agradecen moitos usuarios).
Este novo teléfono da familia Moto G, que vén de superar os 100 millóns de dispositivos vendidos, ten unha pantalla de 6,4 polgadas con resolución Full HD+ e un orificio para unha cámara frontal de 16 Mpíxeles; está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 665, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD.
A cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 16 Mpíxeles, obxectivos ultra gran angular e teleobxectivo de 8 Mpíxeles e un macro de 2 Mpíxeles, conseguindo así bastante versatilidade, aínda que o punto máis forte deste dispositivo é a súa batería de 5.000 mAh, que promete aguantar dous días completos cunha única carga (ou ser capaz de reproducir música 188 horas seguidas ou reproducir vídeo durante 21 horas).
Este novo smartphone chegará a España en marzo a un prezo de 249 euros.

Vídeo promocional do Moto G8 Power

Un smartphone económico con stylus

Outro smartphone presentado por Motorola hoxe, do que aínda non se ten data de chegada a España, e que probablemente teña un prezo de 299 euros, é o Moto G Stylus, que incorpora un lapis dixitalizador, accesorio que habitualmente só teñen teléfonos da familia Note de Samsung (que parte dun prezo oficial de 609 euros para a súa versión Lite), polo que este móbil resultará moi atractivo para quen queira tomar anotacións ou realizar bosquexos no seu smartphone sen ter que realizar un grande investimento.
Este teléfono integra un procesador Qualcomm Snapdragon 665, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), pantalla Full HD+ de 6,4 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles e batería de 4.000 mAh con carga rápida de 10 watts.
Temos aquí un smartphone que, sen ter unhas grandes prestacións, resultará moi atractivo para quen considera práctico o uso dun lapis dixitalizador.

PUBLICIDADE