Motorola renova o seu Razr

venres, 12 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Coincidindo coa presentación dos novos encartables de Samsung, dende Motorola atrévense a presentar en China o Moto Razr 2022, competidor directo do Samsung Galaxy Z Flip4, ao que iguala en procesador (un Snapdragon 8+ Gen 1), de xeito que desta volta poderá medirse con certa dignidade co líder en vendas a nivel mundial nesta gama de produto.
O Moto Razr 2022 terá unha pantalla principal de 6,7 polgadas con panel OLED e un refresco de 144 Hz; no seu exterior ten unha pequena pantalla OLED de 2,7 polgadas (para amosar información cando o dispositivo está pechado); comercialízase con 8/12 GB de RAM e 128/256/512 GB de almacenamento; na súa traseira ten unha cámara dual de 50 e 13 Mpíxeles e a súa cámara frontal é de 32 Mpíxeles.
Chegará ao mercado chinés o vindeiro día 16 a un prezo que parte dos 5.999 iuans (865 euros) para o modelo con 8 Gb de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que o modelo superior venderase a 7.299 iuans (1.052 euros), sendo toda unha incógnita se terá distribución internacional.
Non parece que vaia ser un dispositivo que vaia ter mellor sorte que os seus predecesores, pese a que a marca Razr deixase unha boa pegada en moitos consumidores, pois a nivel de software Motorola está claramente detrás de Samsung, e a nivel de capacidade de batería o novo encartable quedou atrás con 3.500 mAh.

PUBLICIDADE