NETGEAR estrea un sinxelo repetidor Wi-Fi

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas das redes Wi-Fi domésticas é a aparición de zonas de sombra nalgunhas habitacións do domicilio (especialmente nos de grande tamaño) e para loitar contra esta eiva NETGEAR vén de anunciar a dispoñibilidade global do seu novo amplificador universal WN3000RP, que permite estender as nosas redes Wi-Fi b/g/n (soportando os estándares de seguridade máis habituais, como WEP, WPA e WPA) a xeito de repetidor, permitindo así que os smartphones, os tablets, as consolas de videoxogos, os reprodutores de Blu-ray ou os ordenadores portátiles poidan conectarse á Internet cunha boa velocidade pese a estar lonxe do router Wi-Fi, ou incluso levando a cobertura a patios e terrazas.
A configuración deste dispositivo é tan doada como conectalo á corrente eléctrica e premer un botón de Push ‘N’ Connect, e para mellorar a súa versatilidade tamén inclúe un porto Fast Ethernet para facilitar a conexión á nosa rede local de dispositivos que carezan de Wi-Fi como reprodutores de Blu-ray ou televisores preparados para acceder á Internet a través de redes cableadas.
O NETGEAR WN3000RP pode mercarse nos EE.UU. por 89,99 dólares, mentres que en Europa podemos atopalo a un prezo de 64,90 euros.

Con este dispositivo de NETGEAR podemos conectar equipos informáticos á Internet pese a estar lonxe do router Wi-Fi doméstico

PUBLICIDADE