Nest Mini, o pequeno altofalante de Google mellora a súa calidade sonora
martes, 15 de outubro do 2019
Un dos
produtos de Google que se renovaron hoxe foi o seu altofalante conectado máis
pequeno, o Google Home Mini, que pasa a responder ao nome de Nest Mini, e que,
pese a ter un deseño exterior moi semellante (podendo diferencialo de xeito doado
por incluír un orificio na súa parte inferior para facilitar a súa instalación
pendurado nunha parece sen a necesidade de accesorios externos), supón unha
mellora en calidade de son, con graves até dúas veces máis potentes.
Durante a reprodución musical, se achegamos a man ao dispositivo tamén se
iluminarán os LED do mesmo indicando onde tocar para axustar o volume; mellorou
a súa capacidade para distinguir a voz en contornos ruidosos; e durante a
reprodución de novas ou podcasts tamén axustará de xeito automático o volume en
función do ruído de fondo. Tamén contan coa función de interfono, de
xeito que dende a aplicación móbil de Google Home podemos conversar cun destes
altofalantes, o que pode resultar moi práctico no ámbito familiar, aínda que
tamén haberá quen tire partido deste tipo de chamada para conversar de balde
con outra persoa que estea ao outro lado do mundo empregando Google Duo.
Cómpre lembrar que este tipo de dispositivos son especialmente prácticos grazas
ao Asistente de Google e no caso de que no fogar teñamos dispositivos domóticos
compatibles, xa que así será posible gozar do control de voz para manexar as
luces, prender a calefacción ou incluso reproducir contidos nun televisor.
O novo Google Nest Mini sairá á venda o 22 de outubro e, aparte de poder adquirirse
na tenda en liña de Google, tamén poderán mercarse en MediaMarkt, El Corte Inglés,
Fnac, Carrefour, Worten e Leroy Merlin.
Vídeo promocional do Google Nest Mini