NetGenie, un router que permite controlar o acceso a contidos e servizos

mércores, 2 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Para controlar o acceso á Internet dende o fogar ou na pequena empresa chega o NetGenie, un router sen fíos que serve para dar acceso á Rede tanto a través de Wi-Fi como dos seus 4 portos Fast Ethernet, pasando por unha serie de filtros que facilitan o establecemento de limitacións que serven, por exemplo, para afastar aos cativos de contidos nocivos e outras ameazas (xa que integra anti-virus e devasa). O acceso á Rede deste router pode achegarse tanto a través dun porto RJ-45 (Fast Ethernet) como conectándolle por USB un modem 3G.
A principal vantaxe do NetGenie está no feito de que pode configurarse vía web sen precisar de grandes coñecementos técnicos para establecer limitacións de acceso por usuario, por día da semana ou incluso por hora, a xogos en liña, mensaxería isntantánea ou outros contidos. Tamén serve para obter informes en tempo real da actividade dos usuarios, as aplicacións utilizadas, os sitios web visitados...
Nun principio o NetGenie chega nunha versión HOME, pensada nun uso doméstico, pero tamén está dispoñible o modelo SOHO, para pequenas empresas, que reforza a súa seguridade mediante encriptación 3DES/AES de 168 bits. O modelo doméstico véndese por 159 euros, mentres que a versión SOHO custa 199 euros.

O router conta cun porto WAN (para conectar a un cablemodem ou a outro dispositivo que achegue o acceso á Rede) e permite compartir a conexión a través de 4 tomas Fast Ethernet e Wi-Fi
O acceso á Internet do NetGenie pode achegarse a través dun modem 3G
Un panel de control vía web facilita a creación de filtros de acceso á Rede

PUBLICIDADE