Nikon prepara unha cámara con GPS e funcións sen fíos
mércores, 13 de agosto do 2008
A firma nipona Nikon Imaging Japan vén de anunciar o último proxecto no que está
a traballar: a nova Coolpix P6000,
unha cámara fotográfica capaz de xeoposicionar as fotos que se tomen e envialas
directamente a través de Internet.
Grazas á incorporación dun GPS no corpo da
cámara, as imaxes tomadas coa Coolpix
P6000 inclúen información sobre o seu xeoposicionamento, é dicir, as
coordenadas onde foi tomada cada unha para, por exemplo, adxuntalas de xeito doado
en Google Earth.
Asemade, un cable LAN conectado directamente a
unha base, permítelle ao usuario almacenar as súas imaxes directamente en my my
Picturetown, o servizo de almacenamento en liña
de Nikon na Rede.
A cámara é quen de subir e compartir as imaxes
en formato NRW, un formato de datos RAW dedicado ás series Coolpix ou tamén en
formato JPEG.
No tocante ás características técnicas, a
Coolpix P6000 conta cunha resolución de 13,5 megapixeles, cun zoom óptico de
catro aumentos, cunha sensibilidade ISO de 6400, con flash incorporado e cunha
pantalla LCD de 2,7
pulgadas.
Tamén permite grabar imaxes de vídeo en
formato AVI e conta cunha ranura para tarxetas SD e cunha memoria incorporada
de 48 Mb.
A data de saída desta cámara ao mercado nipón
está prevista para mediados do vindeiro setembro aínda que se descoñece se
coincidirá coa chegada a Europa ou haberá que agardar un tempo para probar a
“creación”.
Segundo veñen de afirmar na web Vnunet.es,
o seu prezo rondará os 500 euros.