Nissan presenta o concepto de smartwatch para o automóbil

luns, 9 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Non só as compañías fabricantes de smartphones e outros dispositivos de electrónica de consumo están a fixar a súa atención ante a posible emerxencia dos smartwatches, senón que hoxe sorprende a propia Nissan anunciando que será o primeiro fabricante de automóbiles en crear un reloxo intelixente deseñados especificamente para os condutores de coches Nissan Nismo, facilitando ao condutor datos biométricos en tempo real.
O novo reloxo poderá verse entre os días 10 e 22 de setembro no Salón de Frankfurt, e permitirá analizar a eficiencia do vehículo cos datos de velocidade e consumo medio; acceder á telemática do vehículo e aos seus datos de prestación en circuíto; obter datos biométricos mediante a monitorización do corazón (buscando identificar a fatiga o máis rápido posible); conectar co coche mediante unha aplicación de smartphone a través de Bluetooth 4.0; e recibir mensaxes personalizados de Nissan.
O Nismo Watch permitirá gravar e compartir nas redes sociais o rendemento do condutor a través do software Social Speed e estará dispoñible en 3 cores (negro, branco e branco/vermello) estando inspirada a súa estética no aro Nismo e concretado nun deseño futurista e ergonómico. A súa interface de uso é doada de empregar (contrólase mediante 2 botóns) e a súa batería pode recargarse mediante micro USB, tendo unha autonomía dunha semana (en condicións normais de uso).


Vídeo de presentación do Nismo Watch

PUBLICIDADE