No verán será posible ampliar a capacidade da PS5
venres, 26 de febreiro do 2021
- Ao abrir unha PS5 o primeiro que vemos é unha rañura para unidades SSD en formato M.2, pero o software da consola aínda non recoñece estas ampliacións de capacidade
O
feito de que as consolas PlayStation 4 con disco duro de 500 GB non
poidan ter instaladas as versións completas dos xogos Call of Duty: Black
Ops Cold War e Warzone de xeito simultáneo espertou moita
preocupación entre os xogadores, coñecedores das limitacións do espazo de
almacenamento que integra a nova PlayStation 5, que só vén cunha SSD de 825 GB
dos que só están libre 667 GB, ou sexa, que é relativamente doado quedar sen
espazo para instalar xogos (especialmente os que reciben moitos contidos
adicionais durante meses).
Dá a impresión de que o acontecido con Call of Duty levou a que dende
Sony tivesen que comunicar aos medios antes do previsto os seus plans de
actualización da PS5, xa que é en Bloomberg onde dan conta de que no
vindeiro verán a PlayStation 5 recibirá unha actualización que activará a
posibilidade de instalar unha unidade SSD en formato M.2 no interior da
consola de Sony, ampliando a súa capacidade. Este anuncio mitigaría a
preocupación dos usuarios, que sabedores de que un almacenamento reducido pode
ser moi problemático, saben agora que en poucos meses o problema terá unha
solución doada, aínda que inicialmente non será especialmente barata.
Actualmente as unidades SSD M.2 PCIe 4.0 de 1 TB de marcas como Samsung teñen
prezos superiores aos 200 euros, aínda que por fortuna os prezos tenden a caer
e as capacidades a medrar, polo que podemos confiar en que cando a PS5 teña
unha grande base de consolas instalada o prezo destas ampliacións de capacidade
poida resultar máis asumible.