Nokia C2, un novo smartphone con Android Go

luns, 16 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O feito de estarmos nunha situación de pandemia a nivel global non para a incorporación de produtos aos catálogos das compañías tecnolóxicas, aínda sen mediación de presentacións oficiais e detalles como a data de lanzamento e o prezo final, e como mostra diso temos a chegada dun novo smartphone de gama baixa bastante interesante: o Nokia C2.
O Nokia C2 busca atender a demanda dos usuarios que simplemente queren un smartphone funcional, fiable e con actualizacións garantidas. Trátase dun terminal con pantalla HD+ de 5,7 polgadas que funciona con Android Go (baseado en Android 9), ou sexa, que inclúe versións reducidas das principais aplicacións de Google, de xeito que o feito de funcionar cun procesador bastante limitado e 1 GB de RAM non sería un problema grave, aínda que claramente non estaría destinado a usuarios que vaian realizar un uso intensivo do móbil, senón aos que queren simplemente un dispositivo moi económico (polo que posiblemente teña bastante éxito en mercados emerxentes).
Este novo smartphone ten unha cámara traseira de 5 Mpíxeles con flash LED, unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, 16 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas de até 64 GB, toma para auriculares, radio FM, batería extraíble de 2.800 mAh e carga por micro USB (USB 2.0), ou sexa, unhas especificacións que parecen sacadas dun smartphone de hai varios anos, pero que estarían nun produto de próximo lanzamento que en mercados como os europeos non tería moita saída, pero que en África e boa parte de Asia tería oportunidades de trunfar.

Vídeo promocional do Nokia C2

PUBLICIDADE