Nokia Media Streamer: un novo trebello para levar Android TV ao televisor

venres, 21 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Como solución para dotar a un televisor de funcionalidades de Smart TV existen distintos dispositivos externos baseados en Android TV que abren a porta a moitas posibilidades como a Mi Box S, que en España véndese a un prezo oficial de 69,99 euros, e que na India terá un competidor que sorprende por chegar da marca Nokia.
O Nokia Media Streamer é un trebello baseado en Android 9.0 con Chromecast integrado e o asistente de Google, que conéctase ao televisor por HDMI e está dotado cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno e Wi-Fi de dobre banda. Inclúe un mando a distancia con micrófono (para poder invocar ao asistente de Google e así poder controlar por voz a reprodución de contidos) e limita a súa saída de vídeo a Full HD a 60 imaxes por segundo, detalle que permítelle así ter un prezo de só 3.499 rupias (39,59 euros).
Esta pequena caixiña conectada ao televisor permite a reprodución de milleiros de aplicacións adaptadas a Android TV; facilita enviar contidos ao televisor dende smartphones, tabletas e ordenadores persoais a través da tecnoloxía de Chromecast; permite o uso da aplicación de Android TV no noso smartphone para utilizalo como mando a distancia; e grazas ao asistente de Google non só permite reproducir contidos, senón tamén gozar de funcionalidades como consultar a información meteorolóxica.
Haberá que agardar para ver se este trebello coa marca Nokia chega a saír da India, o que sería toda unha sorpresa.

PUBLICIDADE