Nokia X2, o novo smartphone de Microsoft baseado en Android

mércores, 25 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A familia de smartphones Nokia X, baseados en Android, pero sen estar baseada nos servizos de Google, parecía un experimento que non ía sobrevivir tras a absorción de Nokia por parte de Microsoft, pero vese que non vai ser así, pois esta gama de dispositivos continúa a medrar, e vai recibir en breve o Nokia X2, un prometedor teléfono que terá un prezo de 99 euros (antes de impostos), resultando moi atractivo como smartphone de entrada.
O Nokia X2 funciona cun procesador Snapdragon 200 de dobre núcleo a 1,2 GHz e 1 Gb de RAM (superando aos seus predecesores), 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb), presenta unha pantalla ClearBlack de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, soporta dúas tarxetas micro SIM, inclúe Bluetooth 4.0 e Wi-Fi N, a súa cámara traseira é de 5 Mpíxeles e inclúe flash LED, cámara secundaria de 0,3 Mpíxeles, conta con receptor de radio FM, o seu grosor é de 11,1 milímetros e o seu peso chega aos 150 gramos, estando dispoñible en carcasas de colores vivas (branco, negro, laranxa e verde). Un dispositivo bastante completo que porallo difícil tanto aos móbiles con Windows Phone máis económicos como a terminais como o Moto E.
O Nokia X2, en vez de optar por Gmail, Hangouts ou Google Drive, inclúe de xeito predeterminado o correo electrónico de Outlook.com, a mensaxería de Skype e o almacenamento na nube de OneDrive (que agora inclúe 15 Gb de balde), permite acceder ás aplicacións de Android máis populares como LINE, WeChat, Facebook, Facebook Messenger... ás que habería que engadir algunhas propias de Nokia como HERE Maps e MixRadio, que supoñen un grande valor engadido (especialmente por poder funcionar cando non temos acceso á Rede). Unha interesante proposta que busca comprobar se é posible ter éxito con Android sen someterse a Google.

JPEG - 125.7 KB
O novo smartphone chegará ao mercado en cores rechamantes


O Nokia X2 visto en vídeo

PUBLICIDADE