Nokia achega ao Home de Aceiro aos seus móbiles

martes, 28 de maio do 2013 Marcus Fernández

Non é ningunha sorpresa que co lanzamento de grandes producións cinematográficas cheguen dispositivos de electrónica de consumo para promocionarse mediante o product placement ou personalizando o seu aspecto para captar a afeccionados aos filmes, e nesta liña está a destacar especialmente a aposta de Nokia pola nova película de Superman, El Hombre de Acero, pois non só conta cunha aplicación exclusiva para móbiles Nokia Lumia (con información do filme e numerosos contidos desbloqueables mediante retos) senón que tamén van levar esta campaña ao hardware polo que pode verse en varios blogs que están a dar conta dun modelo do Nokia Lumia 925 que inclúe o logotipo de Superman tanto na súa carcasa traseira como no accesorio que dota ao móbil de sistema de carga sen fíos, e dun dos coxíns de carga sen fíos de Fatboy que non se limite a amosar o logotipo de Superman, senón que adopta tal emblema como forma, o que resulta especialmente rechamante.
Non é a primeira vez que Nokia lanza produtos baseados en películas da Warner (os Nokia Lumia 800 e 900 tiveron unha versión co logotipo de Batman) pero non deixa de resultar curioso que ousen comercializar produtos cunha vida relativamente longa adoptando a estética de produtos de lecer que poderían considerarse efémeros.

JPEG - 72.7 KB
Nokia vai vender unha almofada de carga sen fíos coa forma do emblema de Superman

PUBLICIDADE