Nokia amosa os seus novos móbiles en Barcelona

luns, 25 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O Nokia Lumia 720 consegue achegar unhas boas prestacións cun prezo bastante comedido

Nokia presentou hoxe no marco do Mobile World Congress 4 novos teléfonos que parecen dirixidos a chegar a un público moi amplo por partir de prezos moi axustados, conseguindo que a familia Lumia reduza a súa barreira de entrada.
O smartphone máis atractivo dos amosados hoxe sería o Nokia Lumia 720, que sitúase no ecuador da familia Lumia cunha boa pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles (e Super Sensitive Touch), pero limitando o eu procesador (dobre núcleo a 1 GHz), a memoria (512 Mb de RAM) e a cámara (de 6,7 Mpíxeles) mentres que detalles como o almacenamento interno (8 Gb ampliable mediante tarxetas microSD), NFC, GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, batería de 2.000 mAh, grosor de 9 milímetros e peso de só 128 gramos sitúano sobre moitos outros smartphones, especialmente se temos en conta que funciona con Windows Phone 8 e terá un prezo antes de impostos de 249 euros a partir do mes de marzo, cando está previsto que chegue en varias cores (vermello, branco, azul ceo, negro e amarelo).

Os novos móbiles Lumia, pese a ser económicos, non prescinden da tecnoloxía Super Sensitive Touch

Pero aínda que o Lumia 720 pode converterse nun auténtico supervendas, terá un duro competidor no Nokia Lumia 520, pois converterase no móbil con Windows Phone 8 máis barato do mercado, cun prezo de 139 euros antes de impostos, o que permitiríalle competir con móbiles de baixa gama con Android, pero ofrecendo unha experiencia de uso superior. Este móbil que comezará a venderse en marzo (iniciando a súa distribución en Hong Kong e Vietnam) ten pantalla IPS de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 (con Super Sensitive Touch), procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámara traseira de 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, GPS, batería de 1.430 mAh, 9,9 milímetros de grosor e 124 gramos de peso; estando dispoñible nas mesmas 5 cores que o seu irmán maior anunciado hoxe.

O Nokia 301 consegue atopar un oco entre móbiles básicos e smartphones

Pero para os usuarios que aínda apuntan a prezos máis reducidos (principalmente en mercados emerxentes) Nokia estreará o vindeiro trimestre o Nokia 301, que cun prezo antes de impostos de só 65 euros, o que non lle impide incluír cámara de 3,2 Mpíxeles e algunhas prestacións de software avanzadas (como o navegador web Nokia Xpress, aplicacións de mensaxería instantánea e redes sociais e incluso WhatsApp), estando dispoñible incluso nunha versión con dobre SIM.
E para os usuarios que só queren un móbil para falar por teléfono e remitir mensaxes de texto, Nokia consegue reducir custos ao mínimo e ofrecer o seu Nokia 105, que sairá á venda por un prezo duns 15 euros, de xeito que sería o móbil máis barato da compañía no seu catálogo de terminais actual, sendo capaz de funcionar ata 12,5 horas en conversa e 35 días en espera.


As prestacións sociais do Nokia Lumia 720 vistas en vídeo


O Nokia Lumia 520 achega as bondades dos smartphones a un prezo moi reducido


O Nokia 301 é un móbil de formato clásico, pero dotado de prestacións sociais básicas

PUBLICIDADE