Nokia festexa o aniversario de Ferrari cun móbil exclusivo

venres, 28 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Nos seus comezos, o teléfono celular foi un recoñecido sinal de estatus e os primeiros en carrexar esas aparatosas maletas brancas que foron o punto de partida dos móbiles chamaban abondo a atención; ter un teléfono deses estaba limitado ós grandes magnates das empresas. Non pasou moito tempo até que moitos comezaron a ter móbiles e, hoxe en día, ter un celular non distingue a ninguén da plebe telecomunicada. Sen embargo, as empresas fabricantes veñen de ter a marabillosa idea de relanzar este obxecto con modelos exclusivos, ben de coñecidos deseñadores de moda ou fabricantes doutros símbolos de estatus que cobran feitura de coches, vestidos, e quen sabe que máis.

O último caso dunha “xoia” da telefonía celular é o móbil Nokia Vertu Ferrari, o cal festexa os 60 anos da firma do “cavallino rampante” coa posibilidade de mercar este singular modelo de edición limitada que deixará a quen teña o Vodafone Mclaren como un auténtico pringadiño.

Porén, hai que darse présa e coller o primeiro voo a Londres, París, ou Hong Hong para facerse cunha destas marabillas, xa que só se fabricarán 60 unidades. Para os que non cheguen a tempo de mercar este terminal, tranquilos, podedes gardar os 18.000 euros e mercar o Motorola RAZR Dolce & Gabbana, de feito podedes adquirir un para cada un dos vosos curmáns e aínda sobrarán cartos para o LG Prada para os amigos, non sexa cousa de que a xente vos vexa tomando champán cunha pataqueira de móbiles sobre a mesa.

PUBLICIDADE