Nokia podería estar a preparar un tablet con Windows 8

luns, 12 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Un prototipo de tablet con Windows 8 desenvolvido por Samsung

As primeiras impresións sobre a versión de proba pública de Windows 8 non podían ser mellores, resultando o novo sistema operativo moi prometedor, especialmente como plataforma que poida facer fronte ao iPad de Apple, e ese potencial parece estar a aproveitarse por compañías como Nokia, que segundo DigiTimes estaría a preparar un tablet de 10 polgadas con procesador Qualcomm de dobre núcleo para o último trimestre do ano. Este dispositivo competiría claramente con tablets con Android e IOS, e seguiría os pasos de dispositivos como os smartphones Nokia Lumia 800 e 900, que avanzan a bo ritmo para converterse en alternativas solventes ao iPhone.
Actualmente Samsung, Asus e HP xa están a preparar dispositivos baseados en Windows 8, pero tendo en conta que Nokia xa é o fabricante de móbiles con Windows Phone con maiores vendas, non parece arriscado pensar que pode repetir a fórmula do éxito no terreo dos tablets. Aínda que inicialmente Apple non fose a ver prexudicada a súa presenza no mercado, podería pasar algo totalmente distinto con dispositivos como o Amazon Fire, especialmente se Nokia consegue manter uns prezos tan axustados como fai cos seus móbiles Lumia.

PUBLICIDADE