Nokia pon á venda un novo cargador portátil sen fíos

luns, 18 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Cando o mes pasado Nokia amosou as súas novidades en Abu Dhabi, algún produto pasou desapercibido pese a resultar moi atractivo, como o novo cargador sen fíos portátil DC-50, que está a iniciar a súa comercialización en Europa a un prezo de 89 euros e que vén a ser batería externa que destaca por ser compatible coa tecnoloxía de carga sen fíos Qi (presente, por exemplo, en varios dispositivos das familias Lumia de Nokia e Nexus de Google).
Esta batería externa pode cargarse a través de micro USB ou mediante a propia tecnoloxía de carga sen fíos, podendo servir despois para cargar tablets ou smartphones compatibles con só entrar en contacto con eles, o que pode facerse comodamente sobre o escritorio ou, moi especialmente, cando se transporten os trebellos, resultando un xeito moi atractivo para manter a carga do noso móbil, por exemplo, mentres se leva no bolso.
O Nokia DC-50 ten unhas medidas de 134 x 69 x 12 milímetros, pesa 150 gramos e véndese en varias das cores propias da gama Lumia (amarelo, branco, azul ceo e vermello). O dispositivo inclúe un botón que, ao premerse, ilumina unha serie de indicadores LED para marcar a capacidade que queda dispoñible na batería integrada, como fan outros cargadores portátiles de Nokia.

O cargador portátil sen fíos está dispoñible en varias cores

PUBLICIDADE