Nokia presenta 3 novos móbiles con Symbian Belle

mércores, 24 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Nokia anunciou hoxe o lanzamento de 3 novos smartphones que funcionan con Symbian Belle, unha nova actualización do sistema operativo de Nokia que parecía ter pasado a mellor vida tras o acordo da compañía finlandesa con Microsoft para integrar Windows Phone 7 nos seus móbiles. Os novos terminais son o Nokia 600, Nokia 700 e Nokia 701, que gozarán da nova interface de uso mellorada (máis gráfica e persoal), cunha navegación web máis potente e con tecnoloxía NFC para poder compartir contidos e vincular sen fíos calquera dos 3 terminais con altofalantes e auriculares compatibles (como os novos auriculares Bluetooth estéreo Nokia Essence (que tamén poden vincularse por NFC cun simple toque).
O Nokia 700 é o móbil Symbian máis compacto (mide 110 x 50,7 x 9,7 milímetros e pesa 96 gramos), ten un un procesador gráfico a 1 GHz e un procesador gráfico secundario, pantalla AMOLED de 3,2 polgadas, 2 Gb de memoria interna ampliable mediante microSD de ata 32 Gb, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e gravación de vídeo en alta definición.
O Nokia 701 é un móbil elegante, cunha pantalla de 3,5 polgadas que promete ser a máis brillante do mundo (para poder empregarse en exteriores), procesador a 1 GHz (apoiado por un procesador gráfico), cámara de 8 Mpíxeles con dobre flash LED e gravación de vídeo en alta definición e cámara frontal para videoconferencias, 8 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb. Tamén inclúe cancelación de ruído activa.
O Nokia 600, pola súa banda, opta por destacar por incluír unha antena de radio FM de xeito que permite escoitar a radio sen auriculares, tamén ten transmisor de radio FM para poder levar a música do móbil calquera receptor de radio, e presume da potencia do seu altofalante e de ser capaz de reproducir música ata 60 horas. Ten cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e gravación de vídeo en alta definición, 2 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb e comparte moitas outras características cos terminais mencionados anteriormente.

Os novos móbiles de Nokia son elegantes e inclúen a última actualización de Symbian

PUBLICIDADE