Nokia presenta en Barcelona os seus novos teléfonos móbiles
luns, 27 de febreiro do 2017
Ante a ausencia de xigantes como Samsung e Apple no Mobile
World Congress de Barcelona nos últimos días resultaba evidente que o interese
se centraba nunha marca en concreto, non por relevancia, senón por curiosidade
e nostalxia, o que HMD Global soubo manexar ben, aproveitando a cita para presentar
os novos
teléfonos da marca Nokia, de xeito que, coa desculpa do lanzamento dunha
versión renovada do clásico Nokia 3310 amosáronse ao público 3 novos modelos de
smartphone con Android que buscarán facerse un oco nun mercado saturado no que
Nokia é un xogador novato.
Pese a que rumoreábase que HMD Global podería levar a Barcelona un suposto
Nokia 8 de alta gama, finalmente non foi así, e limitáronse a manter como tope
de gama o Nokia 6, teléfono presentado
hai preto de dous meses e que estaba dirixido ao mercado chinés, e que
finalmente será global.
Nokia 6
O smartphone de HMD Global que máis encaixa nas tendencias actuais é sen
dúbida o Nokia 6, coa
súa pantalla Full HD de 5,5 polgadas e a súa cámara traseira de 16 Mpíxeles con
enfoque automático e detección de fase (e flash de dobre ton), e a súa cámara
frontal de 8 Mpíxeles, aínda que o seu fabricante insiste en que o importante
deste terminal é a calidade da súa construción, cun acabado de metal moi
coidado e dispoñible en 5 cores distintas.
O corpo do Nokia 6 tarda 55 minutos en fabricarse nunha única peza de aluminio
partindo dun bloque sólido de metal, e tamén a súa pantalla Corning Gorilla
Glass contribúe a dotalo dunha grande resistencia, aínda que non só a súa
robusta construción é un detalle a salientar, senón que tamén é de agradecer
que opten por unha versión de Android actualizada e limpa, de xeito que non só
teremos Android 7 (co Asistente de Google), senón que carece de capas
adicionais buscando poder así ofrecer actualizacións regulares en
características e seguridade.
A nivel de especificacións o produto non destaca tanto, pois confórmase cun
procesador Qualcomm Snapdragon 430, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno
(ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 128 GB), NFC, batería de
3.000 mAh e lector de pegadas dixitais, características superadas por moitos
smartphones bastante máis económicos, e como curiosidade, venderase tanto en
versións con dobre SIM como con unha única SIM. O prezo recomendado deste
dispositivo será de 229 euros, aínda que tamén haberá unha edición limitada en
negro con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno que venderase a 299
euros.
Nokia 5
Buscando chegar a un público máis amplo, e ofrecendo un tamaño máis compacto e cómodo para a man, o Nokia 5 chega cunha pantalla de 5,2 polgadas, ofrecendo tamén unha boa fabricación e unha versión de Android pura, pero reducindo considerablemente as especificacións, de xeito que a súa pantalla é simplemente de alta definición (1.280 x 720 píxeles), queda con 2 GB de RAM, o seu almacenamento interno confórmase con 16 GB e a súa cámara traseira tamén baixa até os 13 Mpíxeles. A redución de prestacións vén acompañada por un prezo bastante axustado (189 euros) polo que pode converterse en todo un supervendas, de conseguir volver a pór de moda a marca Nokia.
Nokia 3
O gama baixa da compañía sería o Nokia 3, que reduce a súa pantalla até as 5 polgadas, a cámara traseira aos 8 Mpíxeles e a batería a 2.650 mAh, conseguindo reducir tamén custos ao optar por un procesador MediaTek 6737, concesións que permitirán que este teléfono custe 139 euros, prezo que podería ser o suficientemente axustado para convertelo nun bo terminal de entrada.
Nokia 3310
Pero o teléfono polo que máis curiosidade había en todo o
Mobile World Congress é a versión renovada do Nokia 3310, principalmente
por considerarse unha ousadía o lanzamento dun teléfono parvo a estas alturas da vida, aproveitando a nostalxia que pode
existir pola marca Nokia nos tempos nos que era un fabricante de referencia.
Falamos dun teléfono básico que permitiría falar até 22 horas e aguantaría até
un mes en espera, e que custará 49 euros, estando a súa estética inspirada no
modelo orixinal, pero contando cunha pantalla de 2,4 polgadas curvada e de cor,
o que fará que incluso o xogo da serpe estea actualizado. Iso si, o feito de
que esteamos ante un teléfono que se conforme cunha cámara de 2 Mpíxeles e
conectividade GPRS, si conta con radio FM e reprodutor de MP3 (a música pode
cargarse mediante tarxetas de memoria de até 32 GB, que tamén sería onde se
almacenarían as fotografías ante os ridículos 16 MB de almacenamento que ten
este trebello).
Queda agora por ver se realmente este teléfono móbil ten demanda real como
dispositivo de comunicación ou convértese nun mero obxecto de colección, pois
en moitos mercados un móbil sen aplicacións como WhatsApp non resulta aceptable,
e polo prezo deste dispositivo existen smartphones de gama baixa.