Nokia presenta un novo receptor Bluetooth para facilitar a reprodución multimedia

martes, 10 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Este mes Nokia vai pór á venda o seu novo accesorio BH-121, un receptor Bluetooth de 39 x 39 x 12 milímetros e 15,7 gramos de peso que venderase por 39 euros en cores propias da familia Lumia (negro, vermello, amarelo e azul ceo) e que buscan facilitar a reprodución musical dende o móbil, xa que conta con botóns de control e un conector para auriculares, á vez que pode emparellarse co móbil cun simple toque (de contar con NFC).
O BH-121 comercialízase cos auriculares WH-208, que permiten recibir un son claro e nítido, aínda que é compatible con outros auriculares. Funciona cunha batería recargable por microUSB cunha autonomía de ata 6 horas de conversa ou reprodución musical.
Nos dispositivos Lumia, este receptor Bluetooth contará cunha baldosa activa de seu na pantalla de inicio do móbil, facilitando a comprobación da súa autonomía restante ou do seu estado de conexión.

O novo receptor Bluetooth venderase nas cores propias da familia Lumia

PUBLICIDADE