Normal vende auriculares personalizados mediante impresión 3D
martes, 8 de xullo do 2014
A impresión 3D comeza a pasar de ser unha tecnoloxía
emerxente con moito potencial a ter aplicacións prácticas moi directas, como a
que atoparon dende Normal, compañía que está a
preparar o lanzamento duns auriculares intra-auditivos que personalizados, xa
que a peza que permite que se suxeiten ao pavillón auditivo imprímese en
función da orella do usuario, conseguindo así un agarre preciso e cómodo, aínda
que por esta exclusividade hai que pagar uns esaxerados 199 dólares (146,19
euros).
Para poder tomar as medidas para os nosos Normals personalizados temos que
empregar unha aplicación
móbil para iOS ou para Android
que permite recoller fotografías das nosas orellas (cun obxecto que sirva de
referencia das dimensións) e elixir a cor dos auriculares, para despois poder
completar o pedido que espera completarse a partires do vindeiro 9 de agosto.
Polo momento só aceptan pedidos dende EE.UU., pero están adaptando o seu
servizo para poder atender compras dende calquera curruncho do mundo.
Os auriculares inclúen no seu cable tres botóns (para controlar o volume,
reproducir ou parar a reprodución) e un conector estándar de 3,5 milímetros
bañado en ouro. A súa sensibilidade é de 109 dB/mW, unha impedancia de 32 Ohms
e unha frecuencia de resposta de entre 20 Hz e 20 kHz.
- Para pedir os auriculares é preciso empregar unha aplicación móbil
Vídeo promocional dos auriculares Normal