Nova aplicación informática de balde para clínicas de fisioterapia

luns, 9 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A aplicación facilita a xestión documental de clínicas de fisioterapia e osteopatía

A empresa porriñesa Quadralia, dedicada a solucións integrais corporativas apoiadas nas TIC, sorpréndenos ofrecendo de balde a aplicación para a xestión de clínicas de fisioterapia e osteopatía Qclínicas, que permite a administración de múltiples sedes, a concertación de citas, a xestión de historiais clínicos (fichas de doentes, diagnósticos e seguimentos da evolución dos doentes), a xestión documental (radiografías, informes externos, partes médicos...), a facturación (incluíndo impostos) e a comunicación cos doentes a través de SMS, estando esta solución adaptada á Lei de Protección de Datos (LOPD) incluíndo a emisión automática do consentimento de recollida de datos.
Quadralia ofrece diversos servizos ao redor de Qclínicas para facilitar a súa implantación nas clínicas, como a plataforma de envío de mensaxes de texto a móbiles, a adaptación á LOPD, o soporte informático remoto e a conexión entre distintas sedes mediante comunicacións seguras. Tamén poden subministrar distinto equipamento informático ás empresas que desexen empregar Qclínicas, recibindo os ordenadores co software pre-instalado para poder comezar a traballar tras a recepción dos mesmos.

Qclínicas permite a xestión dos historiais clínicos
Qclínicas inclúe un módulo de xestión de citas con soporte para varias salas
Qclínicas facilita a adaptación á LOPD

PUBLICIDADE