Nova cámara Casio Exilim compacta e veloz

luns, 8 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Pensando en captar imaxes de deportes extremos urbanos a familia de cámaras dixitais Casio Exilim contará cun novo dispositivo insignia, a EX-ZR1000, que conta cunha óptica versátil (vai dende un grande angular de 24 milímetros ata 12,5 aumentos ópticos), sensor de 12,1 Mpíxeles e a tecnoloxía de alta velocidade de EXILIM o que se traduce nun tempo de encendido de 0,99 segundos, un enfoque automático en só 0,15 segundos e un intervalo de só 0,26 segundos entre fotografías a máxima resolución, permitindo así que non se nos escapen os momentos que queremos rexistrar.
A Casio Exilim EX-ZR1000 tamén incrementa as súas posibilidades cunha pantalla abatible 180 graos, un trípode incluído no eixe móbil da pantalla (detalles que facilitan a realización de autorretratos), modos de desenfoque de fondo e omnimacro (para conseguir imaxes cunha aparencia máis profesional), tecnoloxía HDR para adaptarse a condicións de luz complicadas, varios modos artísticos, a posibilidade de disparar fotografías en modo RAW e gravación de vídeo Full HD con algún modo adicional moi interesante (como a gravación a 1.000 fotogramas por segundo para conseguir boas secuencias a cámara lenta).
Agárdase a chegada desta nova cámara ás tendas o mes que vén a un prezo de 299 euros.

PUBLICIDADE