Nova cámara dixital somerxible resistente a golpes de SeaLife

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Aínda que pareza que falta moito para a chegada do verán, os fabricantes de dispositivos electrónicos orientados a actividades acuáticas están a preparar os seus novos produtos, entre os que podemos destacar a cámara deportiva SeaLife Dive & Sport Mini II, que é capaz de tirar fotografías a 40 metros de profundidade baixo a auga, soporta caídas a 2 metros de altura, ten unha carcasa reforzada para protexela de golpes e ten un funcionamento doado con botóns de grande tamaño. Esta cámara compacta ten un sensor que permite tomar imaxes a 9 Mpíxeles, tamén grava vídeo VGA a 30 imaxes por segundo con son, conta cunha pantalla TFT de 2,4 polgadas e grava os seus contidos en tarxetas SD e SDHC de ata 8 Gb.
Estamos ante un produto ideal para tomar fotografías acuáticas, aínda que habería que precisar que a súa robustez que a converten nun trebello todoterreo ten a súa contrapartida negativa: carece de zoom óptico. O produto chegará ao mercado no mes de marzo.

A nova cámara está reforzada para soportar golpes e caídas

PUBLICIDADE