Nova tableta con pantalla de tinta electrónica en cor
mércores, 26 de abril do 2023
A familia de
tabletas con tecnoloxía de tinta electrónica Onyx BOOX incorpora unha nova
integrante, a Tab
Ultra C, que como podemos intuír do seu nomo, conta cunha pantalla de 10,3
polgadas capaz de reproducir cor, aínda que non dun xeito tan vivo como estamos
afeitos nas tabletas con pantallas tradicionais, senón con cores máis apagadas
(en tons pastel), buscando así unha menor fatiga visual, á vez que tamén pode
resultar de utilidade o uso da cor para a produtividade e a creatividade.
A tecnoloxía da pantalla da BOOX Tab Ultra C presenta unha resolución de 300
puntos por polgadas para o branco e negro (conseguindo así textos nítidos)
mentres que as cores preséntanse nunha resolución de 150 puntos por polgada, conseguindo
un acabado que pode lembrar á cor dos xornais.
Esta tableta pode ser apta para ler documentos en numerosos formatos (dende
HTML até PDF), soportando libros en cor (o que supón unha grande vantaxe),
aínda que tamén pode é de grande utilidade para a realización de anotacións,
que poden sincronizarse entre distintos dispositivos a través dunha conta de
Onyx.
A tableta, que funciona con Android 11, tamén conta con lector de impresións
dixitais, cámara de 16 Mpíxeles orientada á dixitalización de documentos, iluminación
frontal axustable e a posibilidade de empregalo cunha funda-teclado e cun lapis
dixitalizador, accesorios que incrementan a versatilidade da tableta que ten
previsto saír á venda o 12 de maio a un prezo de 649,99 euros (sendo posible adquirir
anticipadamente a tableta coa funda-teclado por 699,99 euros).
Vídeo promocional da tableta BOOX Tab Ultra C