Nova videocámara compacta somerxible de Toshiba

xoves, 27 de maio do 2010 Marcus Fernández

De cara ao verán moitos son os fabricantes que orientan os seus lanzamentos a esta época na que as actividades acuáticas gañan peso, de aí que presenten a videocámara compacta Toshiba Camileo BW10, que cun sensor CMOS de 5 Mpíxeles é capaz de gravar vídeo a 1.920 x 1.080 píxeles a 30 fotogramas por segundo (en formato MP4) incluso a 2 metros de profundidade, ou sexa, que estariamos non ante unha cámara resistente á auga, senón somerxible.
A Toshiba Camileo BW10 mide 107 x 55 x 22 milímetros e pesa 114 gramos, polo que sería tan manexable coma un móbil, de aí que sexa ideal para capturar secuencias de lecer na auga, así coma actividades deportivas. As súas gravacións realízaas en tarxetas de memoria SD/SDHC/SDXC de ata 64 Gb, e tamén conta cunha pantalla LCD de 2 polgadas e unha saída de vídeo HDMI.
Esta cámara porase á venda a finais de xuño no Reino Unido por 129,99 libras esterlinas (152,17 euros), aínda que é de agardar que na mesma data tamén poida adquirirse no resto do territorio europeo.

PUBLICIDADE