Novas axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos no rural

mércores, 23 de marzo do 2022 Redacción

Dende mañá, 24 de marzo e até o 9 de maio empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida. Esta nova convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, dá continuidade á actuación posta en marcha pola AMTEGA xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Nesta terceira convocatoria, dotada con preto de 880.000 euros, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.

Prazos e características da convocatoria

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado, de 100 Mbps ou máis, durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Medida complementaria ás estatais

A presente convocatoria destinada a dotar dun servizo de banda larga ultrarrápida a empresas illadas do rural complementa outras actuacións que o Goberno do Estado ten marcha a través do Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRPT), dos que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado. Entre estas medidas está a mellora da conexión e o reforzo da mesma en polígonos industriais, centros loxísticos e outras áreas con concentración de empresas,
O compromiso do Estado, que desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga, é lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100 Mbps.

PUBLICIDADE