Novo bolígrafo dixital que non precisa papel especial para funcionar

martes, 30 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Tomar apuntes pode dar un importante salto evolutivo grazas a dispositivos coma o Airpen Mini, que consiste nun sensor e unha especie de bolígrafo que rexistran o que escribimos ou debuxamos sen precisar dun papel especial (coma outras solucións anteriores) e que pode almacenar na súa memoria de 2 Mbytes ata 100 páxinas A5 (aínda que tamén funciona en A4) para transferilos ao PC por USB para recuperar todo o que escribimos/debuxamos en formato de mapa de bits (BMP ou JPEG) ou coma gráfico vectorial (SVG).
O sensor mide 6,8 x 3,3 x 2,1 centímetros, pesa 80 gramos e ten unha autonomía de 15 horas, mentres que o bolígrafo mide 14,5 x 1,05 centímetros e pesa 17 gramos, funcionando cunha pila de botón que lle achega ata 90 horas de autonomía.
O prezo deste bolígrafo dixital que combina ultrasóns e luz infravermella é de 15.000 iens (118,5 euros) no Xapón, onde leva varias semanas á venda.

PUBLICIDADE