Novo dron para profesionais do vídeo de DJI

martes, 13 de maio do 2025 Redacción

DJI, líder mundial en drons civís e tecnoloxía de cámaras, vén de presentar o seu Mavic 4 Pro, un dispositivo que redefine os estándares da filmación aérea profesional, grazas principalmente á incorporación dun sensor Hasselblad de 100 Mpíxeles, un sistema de cámaras triplo e un revolucionario gimbal Infinity con rotación de 360 graos, ademais dunha autonomía de ata 51 minutos de voo e transmisión de vídeo en alta definición a 30 quilómetros de distancia.
Este novo dron inclúe tres cámaras cunha cobertura focal que vai dos 28 mm aos 168 mm, o que permite capturar tanto grandes paisaxes como primeiros planos telefoto de gran detalle. A cámara principal, equipada cun sensor CMOS 4/3, é capaz de gravar vídeo en 6K a 60 fotogramas por segundo, mentres que as outras dúas alcanzan 4K con diferentes opcións de frecuencia e rango dinámico.
Unha das innovacións máis destacadas é o gimbal de rotación total, que ofrece á cámara liberdade completa para explorar novos ángulos, incluídas tomas de 70 graos cara arriba ou efectos cinematográficos como os coñecidos planos inclinados (Dutch angles). Esta flexibilidade permite un enfoque creativo nunca antes visto nun dron da compañía.
En termos de seguridade e rendemento, o Mavic 4 Pro incorpora sensores de visión fisheye adaptados para condicións de baixa luz, capaces de detectar obstáculos en todas as direccións a velocidades de ata 18 metros por segundo. Grazas á súa tecnoloxía de posicionamento visual en tempo real, tamén é quen de memorizar rutas de voo e regresar á base mesmo sen conexión GPS.
A capacidade de seguimento intelixente ActiveTrack 360°, mellorada para escenarios de pouca luz, permite ao dron manter o enfoque sobre un suxeito aínda que quede parcialmente oculto por obstáculos. Esta función tamén recoñece vehículos ata a 200 metros de distancia, facilitando filmacións cinematográficas de automoción.
No apartado técnico, o deseño aerodinámico, o novo sistema de propulsión e a batería de 95 Wh permítenlle alcanzar velocidades de ata 90 km/h e coberturas de 41 km por voo. O sistema de transmisión DJI O4+, baseado en algoritmos de última xeración, garante vídeo HDR de 10 bits sen cortes, mesmo en zonas urbanas con moitas interferencias.
Como complemento, o novo controlador RC Pro 2 inclúe unha pantalla Mini-LED de 7 polgadas, almacenamento interno de 128 GB, gravación de son integrada e conectividade HDMI. A súa pantalla xiratoria facilita gravacións verticais e a súa batería ofrece ata 4 horas de autonomía.
A compañía tamén lanzou unha estación de carga que permite cargar tres baterías á vez de forma eficiente en 90 minutos, e mesmo funciona como banco de enerxía de 100 watts para alimentar dispositivos. Para facilitar o acceso aos contidos, o Mavic 4 Pro conta cun módulo de almacenamento interno de 64 GB, ampliable ata 512 GB na versión Creator Combo.
A transferencia de arquivos tamén se simplifica grazas á función QuickTransfer a través de Wi-Fi 6, que permite enviar contidos a unha velocidade de ata 80 MB/s sen necesidade de sacar o dron da mochila ou acendelo.
O DJI Mavic 4 Pro está dispoñible cun mando DJI RC 2 a un prezo de 2.099 euros, aínda que tamén pode adquirirse en lotes máis completos como o Pack para Creadores, que inclúe tamén o mando DJI RC Pro 2, tres baterías e o seu centro de carga por 3.539 euros.
Dado que DJI parece ser unha das compañías máis afectadas polos aranceis nos EE.UU., aseguran que non porán o produto á venda en tal mercado, o que non impide que xa haxa bastantes establecementos estadounidenses que se animen a ofrecelo pola súa conta e risco. Haberá que ver como evoluciona a situación, pero semella que, pese a relaxación das tensións entre China e EE.UU., os atrancos que se poñen ás diferentes marcas chinesas é desigual, e no caso de DJI as autoridades estadounidenses son especialmente reticentes, xa que consideran que o dominio de China no mercado dos drons é unha seria ameaza.

Vídeo promocional do DJI Mavic 4 Pro