Novo libro de autoría galega sobre o clásico Silent Hill

xoves, 4 de abril do 2024 Marcus Fernández

Facendo máis accesible ao público os libros sobre videoxogos, dende RBA lanzaron un coleccionable chamado Videojuegos Legendarios, que con periodicidade semanal e un prezo de 10,99 euros facilitan coñecer o máis importante dos videoxogos que fixeron historia, destacando a súa entrega de hoxe por ser unha creación do doutor en tradución e paratradución de videoxogos ourensán Ramón Méndez, quen tamén publicará nesta colección o volume Castlevania. Drácula aterroriza las consolas, que chegará aos puntos de venda o 5 de setembro.
Tamén cómpre salientar que o tamén galego Adrián Suárez publicará nesta colección volumes dedicados a The Last of Us, The Elder Scrolls e Skyrim.
O libro que chegou hoxe aos puntos de venda é Silent Hill. La cima del terror psicológico, a entrega número 11 da colección, que centra o seu contido na franquía de terror psicolóxico e supervivencia de Keiishiro Toyama, que marcou a toda unha xeración de xogadores (especialmente coa súa segunda entrega) e mesmo contou con adaptacións cinematográficas (destacando o filme de 2006, que pese ás súas limitacións está considerado por moitos como unha das mellores adaptacións dun videoxogo ao cine) e incluso inspirou o mundo do revés da serie de televisión Stranger Things (o que é unha boa mostra da súa influencia cultural).
Os lectores que poidan gozar das páxinas escritas por Ramón Méndez poderán afondar neste terrorífico universo que hai un par de meses volveu á actualidade co minixogo de balde Silent Hill: The Short Message, buscando así revivir o interese pola futuro remake de Silent Hill 2 e as potenciais secuelas da saga que poderían chegar nos vindeiros anos de considerarse que aínda contan cunha base sólida de seareiros.

PUBLICIDADE