Novo móbil Dual SIM de Samsung

martes, 25 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Este novo terminal véndese en branco e gris escuro

Nos últimos meses Samsung achegou ao mercado numerosos móbiles con Android e dobre tarxeta SIM, que resultan moi interesantes para quen quere gozar das vantaxes dun smartphone e tamén poder combinar os seus números de teléfono persoal e profesional nun único dispositivo, pero os que non precisen de prestacións avanzadas teñen agora unha nova opción do mesmo fabricante, o Samsung Champ Neo Duos (GT-C3262) que xa está á venda na India a un prezo bastante axustado: 3.260 rupias (47,32 euros).
Este interesante móbil ten unha pantalla táctil de 2,4 polgadas e unha resolución de 240 x 320 píxeles, pode albergar 2 tarxetas SIM (que incluso poden cambiarse en quente), ten 20 Mbytes de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara VGA (con gravación de vídeo), toma de auriculares, conectividade USB 2.0, batería de 1.000 mAh (o que permite ata 14 horas en conversa e ata 550 horas en espera), un grosor de 13,5 milímetros e un peso de só 82 gramos.
Queda por ver se este tipo de terminal chega a Europa a un prezo atractivo, pois terminais semellantes como o Samsung E2652 Champ Duos ten un prezo de 89 euros, polo que achegaríase máis do desexable aos smartphones Dual SIM con Android.

PUBLICIDADE