Novo pico proxector de Acer cun tamaño semellante ao dun móbil

mércores, 8 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Para facilitar o seu transporte Acer reduce os seus pico proxectores hasta o tamaño dun smartphone, de xeito que o Acer C20 mide só 118 x 60,8 x 18,6 milímetros e pesa 166 gramos, o que é suficiente para proxectar unha pantalla de entre 5 e 66 polgadas a unha distancia máxima de 3,2 metros grazas a unha lámpada LED de 20 lumens (cunha vida útil de 20.000 horas). A resolución deste pico proxector é de 854 x 480 píxeles (en formato 16:9), aínda que soporta entradas de vídeo de ata 1.280 x 800 píxeles.
O Acer C20 conta cun porto microUSB (para cargar a batería interna ou acceder a contidos multimedia), outro miniHDMI, vídeo por compoñentes e composto e lector de tarxetas SDHC. A súa batería só permite unha hora de autonomía en modo normal e 2 horas en modo de aforro de enerxía.
Estará á venda no último trimestre do ano en 3 cores (branco, azul e rosa) a un prezo duns 300 euros, resultando de especial interese para profesionais que precisen facer presentacións (ou impartir formación) en mobilidade.

PUBLICIDADE