Novo tablet con Android 4.0 e pantalla de 8 polgadas de Energy Sistem

martes, 31 de xullo do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro 23 de agosto Enery Sistem vai pór á venda o seu novo dispositivo Energy Tablet i8, un tablet con Android 4.0 e pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 que pode resultar atractivo por ter un prezo oficial de 185 euros.
Este tablet funciona cun procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb), Wi-Fi N, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, USB, HDMI (para amosar imaxes a 1.080p no televisor), batería de 3.800 mAh (o que permite unha autonomía de ata 6 horas de navegación web), soporte para modem 3G USB, unhas medidas de 209 x 164 x 10 milímetros e un peso de 491 gramos.
Este novo dispositivo inclúe no seu paquete auriculares intrauditivos, cable USB 2.0 para conectar co PC, cable USB-HOST para conectar dispositivos USB externos, adaptador de corrente, pano para limpar a pantalla e incluso unha funda de transporte, polo que é unha solución bastante completa, aínda que o seu prezo pode parecer un tanto elevado se temos en conta que sae un mes antes da chegada ao noso mercado do Nexus 7, produto cun prezo moi semellante, pero cunhas prestacións moi superiores.

O tablet inclúe accesorios como auriculares e funda de transporte

PUBLICIDADE