Novos auriculares Creative de última tecnoloxía

martes, 4 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

O fabricante e distribuidor mundial de produtos de lecer dixital, Creative, vén de anunciar a súa nova liña de auriculares avanzados para adictos aos videoxogos: unha gama de produtos que combinan a potencia da tecnoloxía X-Fi, o son EAX e a simplicidade das conexións USB, e que permiten que os xogadores teñan “certas vantaxes competitivas fronte a outros usuarios”.
Esta liña inclúe tres modelos: o Digital Wireless Gaming Headset HS-1200, o Fatal1Ty USB Gaming Headset HS-1000 e o USB Gaming Headset HS-950. Todos eles empregan a tecnoloxía X-Fi, que proporciona son Surround e 3D, o que permite localizar aos inimigos do xogo e facerse máis comodamente coa vitoria.
Asemade, a tecnoloxía que empregan estes dispositivos proporciona efectos “hiperrealistas que poñen ao xogador no corazón da acción e que, combinada co son X-Fi, o resultado é unha inmersión acústica total no videoxogo”. Así o veñen de afirman os seus responsables, que tamén aseguran que a conexión USB libra aos usuarios de preocupacións, “pois calquera pode comezar a xogar en poucos minutos”. O seu deseño ergonómico asegura, asemade, “horas de concentración total incluso nos campionatos máis esixentes”.

PUBLICIDADE