Novos auriculares sen fíos compactos e lixeiros de Sony

xoves, 19 de maio do 2022 Marcus Fernández

A poucos días da presentación dos auriculares sen fíos Sony WH-1000XM5 anúncianse novos auriculares da marca, aínda que desta volta cun deseño ultra reducido e lixeiro, orientados a usarse durante todo o día, os Sony LinkBuds S.
Os novos auriculares sen fíos de Sony, cun peso de só 4,8 gramos, buscan ser confortables, para o que o seu deseño ergonómico tamén conta cunha fixación estable. Combina tecnoloxía de cancelación de ruído de alta calidade coa posibilidade de recoller o son ambiental para poder interactuar co mundo ao redor sen ter que quitalos (adaptándose automaticamente esta función ao noso contorno).
De cara ao seu uso en chamadas, os LinkBuds S inclúen tecnoloxía de recoñecemento preciso de voz que optimizan o control dos micrófonos de cada un dos auriculares e o uso dunha estrutura de malla ao redor dos mesmos. Permite así gozar de conversas telefónicas nítidas sen importar onde se estea.
Os LinkBuds S tamén presumen de son envolvente e grande potencia a través dos seus novos drivers de 5 mm, que achegan graves potentes e voces nítidas. Grazas ao uso do codificador LDAC permiten gozar de son sen fíos de alta resolución, mentres que con DSEE Extreme conseguen restaurar as frecuencias altas da música, mellorando así a reprodución musical en tempo real.
Os auriculares teñen resistencia á auga IPX4 (resultando así aptos para un uso diario e para a práctica deportiva) e a súa autonomía é de 6 horas ampliables até 20 horas grazas ao seu estoxo de carga. En só 5 minutos de carga conseguen autonomía para até 60 minutos de uso.
Con Voice Pickup a música porase en pausa de xeito automático ao falar con alguén, o que resulta especialmente práctico cando temos as mans ocupadas, para o que tamén resulta moi práctica a compatibilidade con Asistente de Google e con Alexa.
Estes novos auriculares sairán á venda a finais de mes en cor branca, negra e crúa a un prezo recomendado de 200 euros.

Vídeo promocional dos auriculares Sony LinkBuds S

PUBLICIDADE