Novos marcos dixitais con conexión a Internet sen fíos, de Kodak

luns, 10 de novembro do 2008 Raquel Noya

A compañía internacional de servizos e produtos fotográficos, Kodak, na súa aposta por continuar incorporándose paseniño ao moderno sistema de tratamento e impresión de fotografías dixital e non quedar obsoleta no tradicional sistema analóxico (co que tanto éxito acadou, compre dicilo), vén de anunciar a dispoñibilidade no mercado español da súa nova gama de marcos dixitais sen fíos que inclúen novas funcionalidades e permiten o acceso a contidos de Internet.
A intención da entidade é, segundo afirmou o seu director xeral de Cámaras e dispositivos dixitais, John Blake, “permitirlles aos consumidores explorar un mundo sen fronteiras”, polo que Kodak asinou unha serie de convenios con distintos portais e entidades xestoras de contidos en Internet para que os seus clientes se puideran conectar directamente a eles dende os seus marcos dixitais.
Estes dispositivos están dispoñibles en versións de 10” e 8” e permiten acceder sen fíos a aplicacións en Rede como Kodak Gallery, Flickr ou FrameChannel, un servizo en liña de Frame Media, Inc.
Estes novos aparellos sen fíos, Kodak EasyShare W820 e W1020, son uns innovadores dispositivos que, ademais de permitir actualizar as imaxes con certa frecuencia, deixan acceder ás novas recentes, á información sobre o tempo ou aos resultados deportivos locais con só premer un botón.
Entre outras cousas, os novos dispositivos de Kodak permiten visualizar as fotografías con cores nítidas en formato de pantalla 16:9, transmitir fotografías dende Internet sen necesidade de cables, almacenar ata 4000 imaxes nos 512 MB de memoria interna que ten, axustarse á decoración de cada fogar con paspartous en granate e prata e reproducir vídeos gravados con cámara dixital e arquivos de son MP3.
Os actuais “socios” cos que conta Kodak para acceder dende os seus marcos son, Flickr, un dos líderes mundiais no sector da fotografía de consumo en liña e FrameChannel, con máis de 200 canles en Internet con contidos dinámicos aos que acceder dende os marcos comercializados por Kodak.
Asemade, esta compañía segue a ofrecer os servizos de Kodak Gallery, mediante os cales, os usuarios dos marcos poden acceder directamente aos seus álbums en liña e incluso aos dos seus familiares e amigos para poñer a imaxe ideal en cada momento.
A maiores deste servizo, Kodak engade agora a prestación Picture Mail, que lle permite aos usuarios recibir automaticamente avisos cando outro membro de Kodak Gallery comparte novas imaxes. Cando se activa esta opción no marco sen fíos, Kodak Easyshare, os usuarios reciben unha mensaxe no mesmo marco para comunicarlles que se lles foron engadidas novas fotografías.
O prezo dos novos marcos dixitais Kodak EasyShare W1020 e W820 son de 249 e 199 euros respectivamente.

PUBLICIDADE