Novos modelos de fundas de portátiles para mulleres de negocios

mércores, 7 de maio do 2008 Raquel Noya

Port Designs, a firma fabricante da liña Haute Couture de bolsos para ordenadores portátiles, vén de anunciar os seus novos modelos de maletín, Roma e Austin, que fusionan “elegancia e funcionalidade” nun só complemento exclusivo para mulleres.
Coa chegada do bo tempo, o fabricante francés aposta forte polo vermello na súa liña Haute Couture e os seus novos modelos constitúen as principais novidades da colección primavera-verán, ó aportar un “toque distintivo de deseño” na súa liña.
Ambas fundas están dispoñibles en cor vermello (para as máis atrevidas) e tamén en negro e chocolate, cores que combinan con todo e que aportan un “extra de elegancia” á vez que seguridade para os dispositivos das mulleres de negocios.
O bolso Roma (na imaxe) está fabricado en kostin e imita o efecto da pel de crocodilo. É compatible con portátiles de pantalla de ata 14” e tamén se adapta ó formato da nova liña de Apple MacBook.
Por outra banda, o modelo Austin imita a textura de pel de crocodilo ou a de serpe, tamén está fabricado en koskin e é compatible con portátiles de ata 13,3” así como coas liñas Apple MacBook e Apple MacBook Air.
A este paso e vendo semellante gasto de elegancia, moito me temo que non habemos tardar moito en ver deseños destes nas pasarelas de moda das grandes firmas de moda ; e é que todo vale para sacar tallada.

PUBLICIDADE