Novos produtos ultra-panorámicos de LG

mércores, 19 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos vivimos de xeito profundo, tanto en televisores como en equipos informáticos a transición entre o formato de pantalla 4:3 e o 16:9 (panorámico), algúns fabricantes continúan querendo ir máis adiante e queren adoptar unha relación de aspecto cinematográfica ou ultra-panorámica (21:9), e aínda que tal teima non conseguiu converterse en tendencia, para atender á demanda dos convencidos LG anuncia un par de produtos nesta liña: un televisor e un ordenador todo-en-un.
O equipo todo-en-un trátase dun ordenador con pantalla de 29 polgadas 21:9 con panel IPS cunha resolución de 2.560 x 1.080 píxeles, que pode operar como ordenador e como televisor (con diversos modos de pantalla partida e Picture-in-Picture). Integra un procesador Intel Core i5, gráfica nVIDIA GeForce GT640M e entrada HDMI (para poder empregalo incluso como monitor). Venderase a prezos (segundo configuración) de entre 1.490.000 e 2.290.000 wons (983,50 e 1.511,55 euros).
O televisor tamén soporta varios modos de pantalla partida e Picture-in-Picture, entre os que destaca un modo no que divide a pantalla en dúas sección: unha cunha imaxe televisiva de alta definición en 16:9 e o segmento restante de 5:9 cunha representación da pantalla dun smartphone co que establezamos conexión). Tamén conta con entradas DisplayPort, DVI, HDMI e MHL. Terá un prezo de 690.000 wons (455,45 euros).

PUBLICIDADE