Novos reprodutores portátiles de Sony con Android 4.0
mércores, 18 de xullo do 2012
- O F800 conta cunha pantalla de 3,5 polgadas e Android 4.0
Sony
anunciou hoxe unha nova
liña de reprodutores multimedia portátiles da familia Walkman, na que
figura o F800, que destaca por incorporar Android 4.0 e ofrecer unha excelente
calidade sonora grazas a un amplificador dixital S-Master integrado que reduce
os niveis de ruído e distorsión conseguindo unha experiencia musical
enriquecida. O Walkman F800 conta cunha serie de aplicacións preinstaladas
(correo, mapas, reprodución multimedia, xogos...), conta cunha pantalla
multi-táctil de 3,5 polgadas e funciona cun procesador de dobre núcleo nVIDIA
Tegra 2. O seu prezo será de 269,99 dólares para o seu modelo de 16 Gbytes,
mentres que cun almacenamento interno de 32 Gb custará 299,99 dólares.
- O Walkman E470 presume dun grosor de só 7 milímetros
Entre os novos Walkman tamén está o E470, que presume de ser o modelo máis
delgado na historia da familia Walkman (só 7 milímetros de grosor) e a súa
pantalla ten unha diagonal de 2 polgadas. Estará dispoñible en capacidades de 8
e 16 Gbytes por 89,99 e 109,99 dólares respectivamente.
Estes novos Walkman, que chegarán ás tendas a primeiros de agosto, poderán
acceder aos 15 millóns de cancións dispoñibles no Music Unlimited Service,
servizo musical baseado na nube de Sony Entertainment Network. Por unha
cantidade mensual o servizo permite copiar ao dispositivo as nosas cancións
favoritas e escitar canles de radio sen publicidade (para descubrir música
incluso cando esteamos fóra de liña). Para facilitar que os usuarios poidan
acceder de xeito doado aos seus contidos multimedia actuais, os dispositivos
Walkman permiten copialos dende iTunes (en Windows) facendo uso do software
Media Go.