Nvsbl anuncia un tablet con Android 4.0 por só 219 euros

xoves, 23 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Os tablets con Android están a facer unha escalada de prestacións e prezos para poder facer fronte á dominación do iPad, e como exemplo temos que para o mes que vén vai pórse á venda o Nvsbl Dragon por só 219 euros, o que parece bastante axustado para un tablet con procesador Cortex A8 con gráfica Mali 400, 1 Gb de RAM, pantalla IPS de 9,7 polgadas (un dos detalles nos que lembra especialmente ao primeiro iPad), batería de 8.000 mAh, un grosor de 9,8 milímetros e un peso de 650 gramos que segundo o seu fabricante, incluirá de serie Android 4.0, polo que será un dispositivo económico e cun sistema operativo actualizado, que combina unhas características que o achegan ao trebello de Apple, pero cun prezo moi inferior.
Este tipo de dispositivos non parece xogar na mesma división que o iPad (especialmente se son certas as especificacións que se van filtrando do iPad 3), pero supoñen unha excelente opción para os usuarios que nin queren casar con Apple, nin queren facer un investimento nun tablet que superaría ao que custa un ordenador portátil, pois en moitos casos (por exemplo, para ver páxinas web e reproducir vídeos) as prestacións dun tablet básico serán máis que suficientes.

PUBLICIDADE