O Airbox de Orange permite compartir unha conexión 4G por Wi-Fi

mércores, 12 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Orange anunciou hoxe a incorporación ao seu catálogo de produtos o router Wi-Fi móbil con conectividade 4G Airbox, que vén a ser un dispositivo fabricado por Huawei ao que pode introducírselle unha tarxeta SIM para acceder á rede de datos móbil do operador francés mediante LTE/3G (cunha velocidade de ata 150 Mbps), compartindo esta conexión á Rede entre ata 10 dispositivos á vez a través de Wi-Fi, destacando polo feito de que esta solución permite establecer unha segunda rede Wi-Fi para permitir que amigos e familiares poidan acceder á Rede, sen comprometer a seguridade dos nosos equipos.
Este novo dispositivo pode xestionarse de xeito doado vía web, permite a colocación dunha tarxeta microSD de ata 32 Gb no seu interior, está dotado cunha pantalla LCD para amosar información sobre o mesmo e a súa batería de 170 mAh achégalle unha autonomía de 6 horas de uso e ata 300 horas en espera cando esteamos en mobilidade.
O Airbox está dispoñible nas tendas de Orange para clientes particulares e de empresa, podendo adquirirse por 79 euros cun compromiso de permanencia de 12 meses, ou incluso por 0 euros/mes cun compromiso en tarifa de 18 meses.

O Airbox é unha solución moi práctica para compartir unha conexión 4G entre varios dispositivos

PUBLICIDADE