O Apple Watch con LTE chegará a España o 21 de setembro

mércores, 12 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Para comezar de xeito calmo o evento desta tarde, Apple decidiu presentar o Apple Watch Series 4, nova versión do reloxo conectado da compañía da mazá que como cambio máis visible ten a ampliación da súa pantalla en máis dun 30% sen ter que ampliar o tamaño da caixa, grazas a unha redución dos bordes. Esta ampliación da pantalla facilita un maior aproveitamento da mesma, para amosar máis complicacións e, en definitiva, contar con máis posibilidades.
O Apple Watch continúa a avanzar como un produto orientado ao deporte, pero desta volta déronlle un xiro moi interesante, xa que, aperta do sensor de pulso cardíaco, conta tamén con tecnoloxía de electrocardiograma, de xeito que podemos velo como un accesorio para a saúde. Como prestacións máis curiosa conta tamén cun sistema de detección de caídas graves, que activará unha chamada ao noso contacto de emerxencia en caso de non detectar resposta por parte do usuario en certo tempo.
O novo Apple Watch estará dispoñible en tamaños de 40 e 44 milímetros, o seu altofalante escóitase un 50% máis alto e está optimizado para un mellor comportamento en chamadas telefónicas, no uso de Siri e para a función de Walkie-Talkie. A súa coroa dixital incorpora agora resposta háptica e no que á autonomía se refire, aseguran que está na liña de modelos anteriores, ou sexa, que pode aguantar unha xornada completa, o que dende Apple aseguran que é dabondo, aínda que outros smartwatches teñen superado tal limitación hai anos.
Teremos dispoñible o novo Apple Watch para a súa reserva a partires do vindeiro día 14, chegando ao mercado o 21 de setembro, partindo de prezos de 429 e 459 euros para os modelos de 40 e 44 milímetros, prezo que se incrementaría en 100 euros para o modelo con conectividade 4G, que por fortuna desta volta si chegará a España a través de Orange e Vodafone, compañías que darán soporte de tarxetas SIM virtuais (eSIM).

Unha maior pantalla e a incorporación de electrocardiograma supoñen un importante salto para o Apple Watch

Vídeo de presentación do Apple Watch Series 4

PUBLICIDADE