O Asus Chromebit sae á venda por 85 dólares
martes, 17 de novembro do 2015
O pasado mes de abril Google anunciou
novos produtos baseados en Chrome OS, entre os que destacaba o Chromebit,
un stick HDMI (de 123 x 31 x 17
milímetros e 75 gramos de peso) que incluiría no seu interio un procesador
Rockchip 3288, 2 GB de RAM, gráfica Mali T764, 16 GB de almacenamento interno,
USB 2.0, Bluetooth 4.0 e Wi-Fi AC, ou sexa, un ordenador completo, o que
facilitará converter un monitor nun equipo de escritorio a un prezo moi
económico que naquel momento comentábase que sería inferior aos 100 dólares, e
finalmente o produto xa é realidade e o
seu prezo final queda nos 85 dólares (79,70 euros).
O Asus
Chromebit chega finalmente ao mercado, resultando un produto especialmente
interesante para centros educativos (onde Chrome OS goza de grande aceptación)
por ser un xeito económico para contar cun equipo informático (xa que chegaría
con engadir un teclado, un rato e un monitor para ter un equipo completo),
aínda que dende Google tamén apuntan que pode ter certo interese para converter
pantallas en paneis informativos conectados. Para este último uso anuncian
hoxe o Single App Chrome Device Management (CDM), que por 24 dólares por
dispositivo e ano facilita a monitorización dos dispositivos con Chrome OS
empregados a xeito de quiosco e a súa xestión remota, de xeito que o sistema
pode reiniciarse a distancia sen precisar de técnicos, estará constantemente
actualizado e incluso permitirá comprobar en cada momento o que os usuarios
están a ver.