O Asus MeMO Pad 7 chegará en febreiro a un prezo de 169 euros

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nas últimas semanas temos comentado que 2013 quere ser o ano dos tablets asumibles, de xeito que os dispositivos de certa calidade procuran baixar do rango dos 200 euros e achegarse aos 100 euros, e nesa liña presentouse esta semana o Asus MeMO Pad 7, tablet con Android 4.1 e pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles que chegará ao mercado español a un prezo de 169 euros (aínda que nos EE.UU. aínda acada un prezo máis popular de só 149 dólares, que ao cambio serían uns 111,95 euros).
Este tablet funciona cun procesador VIA WM8950 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 8/16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, Wi-Fi N, micro USB, batería de 4.270 mAh (cunha autonomía de ata 7 horas), 11,2 milímetros de grosor e un peso de só 358 gramos. Estará dispoñible a partir do mes de febreiro en 3 cores (branco, gris escuro e fucsia) e incluirá unha serie de aplicacións de Asus entre as que figura un servizo de 5 Gb de almacenamento na web.

PUBLICIDADE