O BNG de Rianxo solicita incorporar o concello á Rede de Aulas CeMIT

mércores, 3 de xaneiro do 2024 S. P.

O BNG de Rianxo rexistrou unha moción para o pleno da Corporación local destinada a solicitar unha Aula CeMIT para o concello. Segundo lembra a agrupación, a petición non é nova, e, de feito, foi unha das reclamacións do anterior equipo do Concello á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), con vistas a iniciar os trámites para contar cun espazo de formación dixital e “ampliar as competencias tecnolóxicas da nosa veciñanza”.
O BNG de Rianxo sostén que sería unha maneira axeitada de complementar e amplificar a actividade do Concello despregada polo servizo de informática da Aula de seu. A agrupación lembra que actualmente a Rede CeMIT forma parte do novo Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que fusiona os anteriores Plan de Inclusión Dixital 2020 e Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico que toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de conseguir “unha sociedade máis autónoma dixitalmente que non deixe a ninguén atrás”. E engade o BNG: “Este é precisamente o noso desexo, que consiste en dar competencias dixitais a toda a veciñanza sen exclusións, por iso entendemos que debemos poñer todos os recursos das diferentes administracións na procura deste obxectivo”.

PUBLICIDADE