O BNG insta ao Goberno a solucionar o problema da equiparación dos títulos de Enxeñaría Informática anteriores a Bolonia

luns, 28 de abril do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de informar que as reclamacións do colectivo que representa (e dos enxeñeiros en Informática Técnica, representados na nosa terra polo CPETIG) en relación á necesidade de equiparar os títulos de enxeñaría anteriores a Bolonia, están a ter eco importante entre os grupos parlamentarios. Máis polo miúdo, a plataforma profesional que preside Fernando Suárez, recibiu unha comunicación do Grupo Parlamentario Mixo no Congreso de Deputados a raíz dunha pregunta feita por unha deputada do BNG sobre a devandita equiparación dos títulos.
Segundo o CPEIG, a “cuestión recolle a preocupación manifestada polo CPEIG aos partidos do arco parlamentario en diversas xuntanzas de traballo”.
Máis polo miúdo, a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Rosana Pérez Fernández, expuxo (entre outras) as seguintes cuestións na súa pregunta por escrito dirixida ao Goberno central:
- Por que razón non resolveu aínda o Ministerio de Educación o problema da falla de equiparación dos títulos universitarios de enxeñaría dos plans de estudo anteriores ao Plan Bolonia co nivel de máster actual?
- A que se debe este adiamento que está prexudicando a moitos enxeñeiros e enxeñeiras con anos de experiencia que se ven obrigados a emigrar a países estranxeiros para poder traballar?
- Vai o goberno solucionar ese baleiro legal canto antes?
Segundo informa o CPEIG, o Goberno (a través do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte) amósase en resposta “consciente do problema” no que se atopan os universitarios españois que obtiveron un título anterior á posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior (EES) e afirma “estar traballando na busca dunha solución, que debe afectar non só aos colectivos de enxeñeiros, senón a todas as titulacións anteriores á posta en marcha do EES”.

PUBLICIDADE