O BNG pide ao Goberno central que inclúa o galego na aplicación Radar COVID

mércores, 26 de agosto do 2020 S. P.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do deputado Néstor Rego, presentou un requirimento para que o Goberno estatal respecte os dereitos lingüísticos das galegas e os galegos e inclúa a nosa lingua entre as opcións da aplicación Radar COVID, que é a ferramenta impulsada polo Executivo estatal para tentar garantir a seguridade sanitaria dos usuarios e facer rastrexo de persoas afectadas pola pandemia. O BNG laiouse de que Administración estatal “faga caso omiso da Carta Europea das Linguas e das reiteradas recomendacións que neste sentido foron enviadas ao Goberno para que dea cumprimento ao seu contido, favorecendo e garantindo o uso de todas as linguas oficiais do Estado”.
Na iniciativa parlamentaria impulsada por Néstor Rego pídese a incorporación inmediata da nosa lingua nas opcións da aplicación móbil, unha ferramenta só dispoñíbel en castelán, inglés, e máis recentemente en catalán, mais non nas demais linguas oficiais.
O deputado salientou que “a loita contra a COVID-19 non pode servir de escusa para non respectar os dereitos das persoas falantes de linguas oficiais distintas do español, que deben poder recibir a atención adecuada no idioma da súa elección”. E engadiu: “Debe garantirse o dereito dos galegos e galegas a se relacionaren na súa lingua coa administración galega e tamén coa Administración Xeral do Estado, especialmente cando esa relación se produce no territorio da Galiza”.
A aplicación, por certo, xa está dispoñíbel para móbiles con Android e iOS.

PUBLICIDADE