O BQ Cervantes 4 permite regular a tonalidade da súa luz

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o sector dos lectores de libros electrónicos está dominado amplamente por Amazon e os seus Kindle, outros fabricantes non tiran a toalla e ofrecen produtos interesantes para os usuarios que non queren someterse á empresa de Jeff Bezos, e así temos que a española BQ presentou hoxe o seu Cervantes 4, novo e-reader que conta cunha pantalla E-Ink Carta de 6 polgadas cunha resolución de 1.448 x 1.072 píxeles que presume da tecnoloxía OptimaLight, que permite que o usuario poida programar unha tonalidade máis fría durante o día e outra máis cálida durante a noite, para que as lecturas antes de durmir resulten máis confortables.
A pantalla tamén conta con Frontlight (sistema de iluminación indirecta que reparte luz uniformemente pola pantalla sen molestar á vista) e tecnoloxía de detección táctil por infravermellos (de xeito que incluso pode empregarse con luvas).
A súa batería de 1.500 mAh permítelle unha autonomía de até 1 meses cunha única carga, só pesa 185 gramos e, para adaptarse aos gustos do usuario, conta con numerosos axustes para poder gozar de marxes, separacións de liña, tamaños de letra e tipografías diferentes que incluso poden facilitar a lectura a persoas con dificultade de visión.
O Cervantes 4 é compatible coa meirande parte dos formatos de libro electrónico (ePUB, PDF, FB2, Mobi, doc, RTF, txt, HTM), funciona cun procesador iMX 6SoloLite a 1 GHz, 512 MB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), Wi-Fi N e, como grande atractivo para moitos, a súa interface de uso está dispoñible en galego. Aínda que BQ promociona o seu prezo de venda como de 139,90 euros, realmente custará 143,71 euros, xa que o fabricante realizou a mala práctica de omitir a compensación por copia privada até que tentamos completar a compra do produto na súa páxina web.

O Cervantes 4 conta cuns 5,43 GB libres para almacenar libros en formato dixital

PUBLICIDADE